Thursday 02 de May de 2024

Preto de 450 palilleiras de Galicia e Castela e León daranse cita este sábado na 18º Xuntanza de Neda


Ao redor de 450 pallilleiras está previsto que participen este sábado, 17 de febreiro, na 18ª Xuntanza de Neda que promove a Asociación Filigrana co apoio do Concello. Así, segundo o rexistro de inscrición, pechado a pasada fin de semana, o certame superará as cifras do pasado ano. Un éxito de convocatoria que confían que se traduza en termos de público visitante no polideportivo municipal Ale de Paz.

Detallan dende Filigrana que na xuntanza daranse cita palilleiras chegadas de toda Galicia, ademais dunha delegación procedente de Castela e León, concretamente de Soria. En total, asistirán representantes de máis de medio cento de agrupacións.

Desta forma, o veterano evento reivindícase como referente para dar a coñecer o labor artesán que realizan cos bolillos e, ofrece unha oportunidade única para seguir en directo o espectáculo de ver traballando a estas mestras do encaixe. A «Xuntanza de Palilleiras de Neda. Presente, pasado e futuro do encaixe» está consolidada ademais como unha das citas que atraen máis visitantes á localidade.

O encontro dará comezo ás 11 horas co acto de inauguración oficial, presidido polo alcalde, Ángel Alvariño. A partir de aí, o público poderá achegarse ao labor das palilleiras, e coñecer as diferentes técnicas, ata as 13:30 h, e tras un parón para o xantar, a xuntanza retomarase ás 16 horas, ata as 18 h.